EQUIPO

Hai algo que é fundamental e é confiar na xente coa que se traballa porque Culler de Pau é, sobre todo, un equipo humano, que é quen o fai funcionar. O compromiso, a actitude e a seriedade á hora de afrontar o traballo son fundamentais para que flúa a alegría, a unión, o sentimento, o cariño... esenciais en cociña. O traballo compartido, a profundidade, o equilibrio e sobre todo as ganas de divertir e divertirse son fundamentais no noso día a día.

O noso obxectivo é que a experiencia gastronómica vaia máis alá da mera degustación dun prato para converterse en todo un descubrimento, aproveitando todo o talento do equipo para maximizar o resultado converténdoo nunha experiencia única.

Queremos optimizar cada visita e amplificar a experiencia de degustar un prato e propiciar que o comensal poida aprehender todo o proceso gastronómico, dende o medio natural, o produto e o produtor que o subministra ata a arte de concibir, preparar, compoñer e presentar o prato e servilo cun bo viño. O comensal é parte activa do proceso gastronómico e como tal, queremos que se sinta parte do equipo pois é el quen a fai súa e nos traslada as súas emocións nun feed-back que completa a experiencia e nos enriquece mutuamente.

COCIÑEIRO

Aduriz, o Noma... moitos foron e seguen conformando as miñas influencias, pero o meu primeiro gran referente é o meu pai; el ensinoume o que é este OFICIO: disciplina e ansias por mellorar, para que cada día o que fas sexa mellor. A busca da excelencia é un dos piares que sustentan a nosa actividade diaria.

Outro é o COMPROMISO: co cliente, co ámbito, cos provedores, co equipo... e finalmente a PAIXÓN, esa que nos impulsa a manter espertos os nosos sentidos, a que imprimimos en todos os nosos pratos e que queremos transmitir o comensal.

Oficio, compromiso e paixón, a partes iguais, definen a filosofía de Culler.

Partindo destas premisas, practicamos unha cociña de proximidade, pero de forma natural, sen fundamentalismos. Con raíces, produtos do ámbito e influencias do mundo. Por iso, é unha proposta moi intuitiva, froito da reflexión e do coñecemento, pero que se nutre do que sentimos, da nosa bagaxe, influencias e gustos.

Galicia é un paraíso para un cociñeiro. Por iso, busco unha cociña persoal pero que ten á tradición como soporte natural para seguir crecendo. A partir dela, achegamos algo máis pero nunca xogamos a ser modernos polo feito de selo. Se o produto é a pedra angular que move calquera cociña, máis aínda na miña terra, onde se esixe que as receitas saiban exactamente aos ingredientes que as compoñen.

Por iso na nosa cociña son básicos os sabores: moi marcados, definidos, e equilibrados entre o respecto absoluto ao produto e a intuición, o que nos pide o corpo ao crear un prato, traballando o mundo vexetal e o mariño, lonxe do glamour, man a man cos provedores, moi preto da terra, da xente, do espazo...

Partimos do ámbito para facer o que facemos: unha cociña limpa, comprometida, saborosa, moi galega e saudable, honesta, con sentimento, razoada pero moi intuitiva na que a ilusión, a honestidade, o cariño, a humildade e a paixón son ingredientes que nunca faltan.

O mar non é só a miña referencia no espazo, lévoo nas veas, é a base da miña inspiración... xunto a el, a horta, o mercado, a lonxa, todo o que me rodea é o principio do que parto para crear pratos con vida propia que sexan puro sentimento. Pero tamén, como, non recordos, momentos, experiencias, infancia, cultura, sensacións... todos están integrados na experiencia de cociñar e de comer en Culler.