Culler de Pau en O Quinteiro de Temperán

Data de publicación: 30-05-2017

O mércores día 31 de maio, no Centro de Interpretación da Cultura do Agro (CICA) ‘O Quinteiro de Temperán’ terá lugar a "I XORNADA DA FORNADA DO PAN DE MILLO", na que Culler de Pau terá parte activa.

A xornada dará comezo ás 17 h coa colaboración das avoas Carme e Rosa, memoria viva deste pasado recente, que explicarán polo miúdo como se preparaba o forno, que é a masa madre, como se amasaba, cales eran as fases, os ingredientes e os tempos para elaborar a bola de pan e a empanada de millo.

A partir das 19.30 h, o equipo de Culler de Pau, con Javier Olleros á cabeza, cociñará en vivo unha caldeirada, que nas súas orixes foi un prato que se preparaba na dorna con auga de mar con ese peixe que non se vendía na lonxa. Cando ese prato chegou a terra, converteuse nun guiso con moitas interpretacións. En ‘O Quinteiro de Temperán’ Culler de Pau versionará este prato delicioso que forma parte das nosas raíces gastronómicas.

Ao remate desta xornada haberá degustación dos produtos elaborados.

O equipo do restaurante Culler de Pau ao completo participará neste encontro coa tradición, coas nosas orixes, esas que nos dotan dunha personalidade de seu por sermos de onde somos. Esa conformación que emana da fonda raigame cos nosos ancestros, cos seus costumes, coa súa maneira de vivir, coa súa cultura en definitiva, é algo esencial que para Culler cómpre coñecer e difundir, antes de que esa achega esmoreza progresiva e implacablemente.

 

 ‘O Quinteiro de Temperán’

Coa finalidade de recuperar  –como recurso de identidade– e poñer en valor –como recurso de desenvolvemento local– ese rico patrimonio naceu o Centro de Interpretación da Cultura do Agro (CICA) ‘O Quinteiro de Temperán’, a memoria viva do que era a casa na Galicia rural dende o século XVIII ata hai só uns cantos anos, nomeadamente a do territorio do Grove. A casa como lugar no que vive unha familia, e ao mesmo tempo, o lugar onde se traballa e se realizan actividades económicas para o benestar da familia.

O CICA é un lugar de encontro coa tradición, e nel faise un percorrido polas distintas dependencias da ‘casa’ amosándonos como vivían e traballaban os nosos devanceiros no rural.